Thursday 02 de May de 2024

Cinco oportunidades para coñece-las Illas Atlánticas durante o verán coa saída dende A Pobra


Un ano máis, a Concellaría do Turismo da Pobra do Caramiñal e a empresa Piratas de Nabia suman forzas para ofrecer travesías ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas. A concelleira do Turismo en funcións, Charo Varela, afirma que se prosegue así na aposta polo turismo náutico e para diversifica-la oferta de actividades para o verán.

A primeira das viaxes será ás Cíes no 25 de xuño, coa saída ás 09.30 e regreso ás 19.15 horas. O prezo, que inclúe unha ruta guiada, sitúase nos 33 euros por persoa adulta, nos 18 euros por neno/a de entre 4 e 12 anos, e de balde para idades inferiores.

As travesías náuticas proseguirán no mes de xullo para dirixirse á illa de Ons, no día 22, e a Sálvora, no día 16.

Esta última poderase coñecer tamén durante a tarde-noite na chamada ruta Starlight, no 5 de agosto, e retornarase á illa de Ons no día 13 dese mesmo mes para concluír así os periplos.

As reservas formalizaranse con antelación a través da páxina web www.piratasdenabia.com ou do teléfono de contacto 986482835. Ademais, a empresa encargarase da tramitación das autorizacións pertinentes de entrada ás Illas Atlánticas de optar pola vía telefónica; se non, será a propia persoa usuaria quen o faga pola vía telemática. Tamén se habilitan o 671090262 e 687482835 para a resolución de dúbidas.